Herramientas Personales
Acceder
Usted está aquí: Inicio Comunicación Prensa Noticias ABERTA A 5ª CONVOCATORIA DO PROGRAMA IACOBUS

ABERTA A 5ª CONVOCATORIA DO PROGRAMA IACOBUS

As candidaturas poderán ser presentadas na Plataforma Web do IACOBUS dende o 23 de outubro ata o 19 de novembro de 2017. Cun orzamento de 150 mil euros, o IACOBUS financiará estancias efectuadas entre o 1 de febreiro e o 30 de xuño de 2018.

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP, AECT) abre a 5ª convocatoria do programa IACOBUS, podendo presentarse candidaturas a través da plataforma Web a partir do próximo 23 de outubro.

O Programa IACOBUS é un programa de cooperación cultural, científica e pedagóxica que xorde co obxectivo de dar un paso máis na configuración dun auténtico espazo de integración interrexional entre Universidades e institucións de Ensino Superior da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. O IACOBUS é unha acción promovida pola Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, baseada nas prioridades definidas no PIC - Plano de Investimentos Conxuntos da Eurorrexión e nas estratexias establecidas pola RIS3-T, e que conta co apoio da Unión Europea, sendo financiado polo Programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.

IACOBUS ten como obxectivo principal fomentar a cooperación e o intercambio entre os recursos humanos das institucións de Ensino Superior da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, visando o desenvolvemento conxunto de actividades formativas, de investigación e de divulgación, a través dun sistema de intercambio transfronteirizo de profesores, investigadores e persoal administrativo e de servizos, entre as institucións de Ensino Superior da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que asinaron o “Protocolo de Cooperación Cultural, Científica e Pedagóxica entre as Universidades e as Institucións de Ensino Superior da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal” en Vigo, o día 11 de abril de 2014.

Forman parte do Programa IACOBUS as Universidades da Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Porto, Miño, Trás-os-Montes e Alto Douro e a Católica Portuguesa, ademais dos Institutos Politécnicos do Porto, Bragança, Viana do Castelo e Cávado.

Os participantes deben ter contrato/vínculo de investigación en vigor durante o período de realización do intercambio, así como estar en condicións de poder traballar no país para o cal solicita a estancia.

A elaboración e presentación das candidaturas efectuarase unicamente a través da plataforma que o Programa IACOBUS dispón na súa páxina Web (iacobus.gnpaect.eu), dende o día 23 de outubro ata o 19 de novembro de 2017. As candidaturas e a documentación esixida pola plataforma Web, só poderán ser presentadas unicamente en idioma galego, castelán ou portugués.

As candidaturas serán valoradas por unha Comisión de Avaliación da cal forman parte 1 Presidente: designado pola dirección da GNP, AECT e 3 Vogais: Un representante designado polo Director Xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia; Un representante designado polo Presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N) e un representante designado pola Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais (FCEER), en representación da rede de Universidades da Eurorrexión. O Secretariado ficará a cargo da GNP, AECT.

As catro convocatorias realizadas os anos lectivos de 2014-2017 contaron cunha gran participación a nivel de candidaturas e de proxectos aprobados. Na 1ª, con 190 candidaturas, foron aprobados 118 proxectos; na 2ª presentáronse a concurso 223 candidaturas, sendo seleccionados 119 proxectos; na 3ª seleccionáronse 130 candidaturas nun total de 203 presentadas; na 4º convocatoria a GNP, AECT recibiu 311 candidaturas superando as expectativas, aprobando 127 proxectos.

Este programa financia os intercambios (de 1 ou 2 semanas para Profesores, 1 semana para PAS e de 1 a 3 meses para Investigadores) realizados de 1 de febreiro a 30 de xuño de 2018.

As bases da 5ª Convocatoria do Programa IACOBUS xa están dispoñíbeis na Web do IACOBUS iacobus.gnpaect.eu.

Vigo, 17 de outubro de 2017

archivado en: