NOTICIAS

Últimas noticias

MARTA PAIS DE OLIVEIRA É A GAÑADORA DA 8ª EDICIÓN DO PREMIO LITERARIO NORTEAR PARA A MOCIDADE ESCRITORA DA EURORREXIÓN GALICIA - NORTE DE PORTUGAL

GNP-AECT | 19/09/2022

A OBRA VENCEDORA, ‘MEDULA’, É UN CONTO EN PROSA QUE DESTACA “POLA SÚA INNOVACIÓN NA INTRODUCIÓN DE ENTIDADES E INSTITUCIÓNS IRREAIS QUE SEN TER CORRESPONDENCIA CO MUNDO REAL, CONFIGURAN A MATERIALIZACIÓN DE UN ESTADO VIXILANTE E CONTROLADOR DO INDIVIDUO, EN PROL DUN SUPOSTO BENESTAR”, PÓDESE LER NA ACTA DO XURADO.

A gañadora da 8ª Edición do Premio Literario Nortear para mozos da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal é a escritora portuguesa Marta Pais de Oliveira co conto en prosa ‘Medula’. Pais de Oliveira, de 32 anos, natural de Vila Nova de Gaia, recibiu a noticia “con enorme felicidade, pola relevancia do premio, polo incentivo que supón e a oportunidade de promoción na nosa Eurorrexión e por poder publicar o conto en galego e en portugués”, explica a escritora, que con anterioridade gañara o Premio Revelación Agustina Bessa-Luís 2020 coa súa novela “Escavadoras”, publicada en 2021 pola editorial Gradiva. ‘Medula’ é unha distopía, ao estilo de George Orwell, que aborda a historia de dúas persoas que están ás portas do Ministerio da Soidade e precisan de decidir o que facer a continuación”, avanza a autora.

40 mozos escritores da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal presentaron obras á 8ª Edición do Premio Literario Nortear. É unha iniciativa da Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia e da Dirección Rexional de Cultura do Norte.

 

 

O xurado da 8ª edición do premio Nortear foi presidido por Gonzalo Constela, escritor e director da Escola Oficial de Linguas de Santiago, Eva Mejuto, escritora, editora e xornalista, Ramón Nicolás, crítico literario e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Carlos Lopes, editor e responsable da editorial Edita-me, e Ana Araujo, profesora do Ensino Secundario e Técnica Superior da Dirección Rexional del Cultura do Norte. Todos eles  destacan “a mestría da autora na construción da narrativa, en todas as súas categorías”. Para o xurado, “Medula posúe un bo ritmo e unha linguaxe e estilo notable, que coinciden co estado de desasosego permanente que acompañan toda a estrutura interna da narrativa”. O galardón será entregado na próxima edición da feira de industrias culturais de Galicia, Culturgal, que se celebrará en Pontevedra no final deste ano.

O premio literario Nortear ten unha dotación financeira de tres mil euros e contempla a publicación da obra vencedora en galego e portugués. Distingue anualmente obras orixinais, para estimular o lanzamento de novos escritores, incentivar a creatividade literaria entre os mozos residentes na Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal e promover a súa distribución alén-fronteiras. Poden presentarse todas as persoas con plena capacidade xurídica, nacidas e/ou residentes na Rexión Norte de Portugal ou en Galicia, entre os 16 e os 36 anos, con obras orixinais e inéditas, escritas en lingua portuguesa, segundo o novo acordo ortográfico, e en lingua galega, segundo a normativa ortográfica vixente publicada pola Real Academia Galega, sobre o xénero do relato curto.

Os sete vencedores nas anteriores edicións foron: Lara Dopazo, Rui Cerqueira Coelho, Cecília Santomé, Sara Brandão, Sabela Varela, Célia Fraga e Pedro Rodríguez Villar. O proxecto Nortear é un polo cultural de referencia en Europa no ámbito da Cooperación transfronteiriza. É cofinanciado polo Programa Interreg V A España – Portugal (POCTEP) – Proxecto 0457_EGNP_AECT_1_E”.

GALERÍA DE IMÁGENES