NOTICIAS

Últimas noticias

Nortear converteuse nunha plataforma de lanzamento para as promesas literarias de Galicia e do Norte de Portugal.

GNP-AECT | 27/04/2023

A mocidade escritora da Eurorrexión pode concursar cos seus relatos curtos na 9ª edición do Premio Nortear, ata o 30 de xuño. É unha iniciativa conxunta da Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia e da Direção Regional de Cultura do Norte de Portugal. Ten unha dotación financeira de 3.000 €. Ademais, a obra vencedora publicarase en galego e portugués. A última vencedora foi Marta Pais de Oliveira co conto en prosa “Medula”.

Os mozos da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, entre os 16 e os 36 anos, que teñan escrito unha obra orixinal en portugués ou en galego, de cinco mil a oito mil palabras, están a tempo de concorrer á 9ª edición do premio Nortear de relato curto, que conta cunha dotación financeira de 3.000 euros e, ademais, a publicación da obra tanto en portugués como en galego.

Esta edición está aberta ata o vindeiro 30 de xuño, para recibir candidaturas procedentes de Galicia e do Norte de Portugal.

O premio, que é unha iniciativa conxunta da Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia e da Direção Regional de Cultura do Norte de Portugal, converteuse nunha autentica plataforma de lanzamento para a mocidade escritora da Eurorrexión, ao distinguir anualmente obras literarias orixinais, incentivar a creatividade literaria entre os mozos residentes en Galicia e no Norte de Portugal e promover a distribución de obras literarias alén fronteiras.

Nortear conta con 8 edicións de éxito e ten 330 obras presentadas a concurso, por mozos entre os 16 e 36 anos dos dous territorios.

Este premio literario é un exemplo destacado de espazo cultural único e compartido na Eurorrexión.

Poden presentarse tódalas persoas con plena capacidade xurídica de entre 16 e 36 anos, nadas e/ou residentes na Rexión Norte de Portugal ou en Galicia, con obras orixinais e inéditas, escritas en lingua portuguesa -segundo o novo acordo ortográfico- e en lingua galega -segundo a normativa ortográfica vixente publicada pola Real Academia Galega-, no xénero do relato curto, e terá unha dotación económica de tres mil euros (3.000 €) para o vencedor, e a publicación da obra.

A web da Plataforma Nortear: https://nortear.gnpaect.eu/ recibirá todas as candidaturas ata o próximo 30 de xuño.

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia e a Direção Regional de Cultura do Norte de Portugal colaboran de forma continuada, promovendo distintas actividades co obxectivo do coñecemento mutuo da cultura, a literatura e a creación artística en xeral, en ambos os territorios.

Os oito gañadores das anteriores edicións do premio Nortear foron: Lara Dopazo Ruibal, Rui Cerqueira Coello, Cecília Santomé, Sara Brandão, Sabela Varela, Célia Fraga, Pedro Rodríguez Villar e Marta Pais de Oliveira.

O proxecto Nortear é un polo cultural de referencia en Europa no ámbito da cooperación transfronteiriza. Está cofinanciado polo Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España – Portugal (POCTEP)

GALERÍA DE IMÁGENES