NOTICIAS

Últimas noticias

O FILÓLOGO GALEGO VICENTE VÁZQUEZ É O GAÑADOR DA 9ª EDICIÓN DO PREMIO NORTEAR PARA A MOCIDADE ESCRITORA DA EURORREXIÓN

GNP-AECT | 28/09/2023

A obra vencedora, “Profundo sen nome”, é un conto que destaca “polo seu carácter innovador cunha nova realidade, virtual, que revisa unha existencia potencial en mundos paralelos, onde o mundo real contamínase na reconstitución dun pasado, dende o presente, a partir do diálogo virtual entre un fillo e o seu pai morto”, pódese ler na acta do xurado, que engade, “a mestría do autor nunha narrativa, con bo ritmo, linguaxe e estilo, onde a nostalxia por un tempo perdido, tras a morte dun familiar, capturan a atención do lector do inicio ao fin”.

- Nortear é unha iniciativa conxunta da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia e a Direção Regional de Cultura do Norte de Portugal.

- Ten unha dotación financeira de 3.000 €. Ademais, a obra vencedora publicarase en galego e portugués, e tamén nun e-book.

 

O gañador da Edición de 2023 do Premio Literario Nortear de relato curto para mozos da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, é o escritor e filólogo galego, Vicente Vázquez Vidal, co conto “Profundo sen nome”. Vázquez Vidal, de 31 anos, natural de Melide (A Coruña), recibiu a noticia “con emoción e sorpresa, non esperaba gañar”, explica. Confésase “dobremente feliz, porque a obra é unha homenaxe o meu pai, falecido. Foi el o que me inspirou”, afirma. O escritor obtivo en 2015 o accésit do Certame de Poesía Francisco Añón co Ani(vers)ario (Micromundos, 2017) e ten outra obra Os afluentes (Tulipa, 2018) publicada en francés e galego.

40 mozos escritores da Eurorrexión presentaron obras nesta 9ª Edición do Premio Literario Nortear, unha iniciativa conxunta da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia – Norte de Portugal, da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia e da Direção Regional de Cultura do Norte de Portugal. O premio Nortear, ten dotación financeira de 3.000 Euros, posibilita a publicación da obra gañadora en galego e en portugués e nun e-book.

O xurado da edición 2023 do premio Nortear foi presidido por Gonzalo Constela, escritor e director da Escola Oficial de Idiomas de Santiago, Eva Mejuto, escritora, editora e xornalista, Ramón Nicolás, crítico literario e profesor da Universidade de Compostela e Ana Araujo, profesora do Ensino Secundario e Técnica Superior da Direção Regional de Cultura do Norte de Portugal. Todos eles  destacan “a mestría do autor na construción da narrativa en todas as súas categorías, porque o conto posúe bo ritmo, linguaxe e estilo, que acompañan toda a estrutura interna da narrativa, con moita emotividade, onde a nostalxia por un tempo perdido, tras unha morte familiar, capturan a atención do lector do inicio ao fin”. Para o xurado, “o carácter innovador de “Profundo sen Nome” consiste na  introdución dunha realidade, virtual, unha existencia potencial en mundos paralelos. Onde a consciencia do mundo real se contamina coa reconstitución do pasado, co diálogo entre un fillo e o seu pai morto”.

O premio Nortear é un exemplo destacado de espazo cultural único e compartido na Eurorrexión, conta con 9 edicións de éxito e ten 370 obras presentadas a concurso, por mozas e mozos,  entre os 16 e 36 anos, dos dous territorios. Os oito gañadores das anteriores edicións foron: Lara Dopazo Ruibal, Rui Cerqueira Coelho, Cecília Santomé, Sara Brandão, Sabela Varela, Célia Fraga, Pedro Rodríguez Villar e Marta Pais de Oliveira.

O proxecto Nortear é un polo cultural de referencia en Europa no ámbito da Cooperación transfronteiriza. Está cofinanciado polo Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España – Portugal (POCTEP)

GALERÍA DE IMÁGENES