NOTICIAS

Últimas noticias

A Eurorrexión lanza novas convocatorias do Programa IACOBUS, para Estadías de Investigación e Publicacións Científicas (Papers) en Galicia e no Norte de Portugal, cun orzamento total de 200.000 euros

GNP-AECT | 16/11/2023

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal abriu novas convocatorias 2023-24 do programa IACOBUS, nas modalidades de Estadías de Investigación e Publicacións Científicas (Papers), destinadas ao persoal das Universidades, Institutos Politécnicos, Fundacións Biomédicas e Centros Tecnolóxicos da Eurorrexión. -As candidaturas están abertas dende o 15 de novembro ata o 15 de decembro de 2023. Contan cunha dotación financeira total de 200.000 €, 150.000 € para Estadías de Investigación e os 50.000 € restantes para Publicacións Científicas (Papers). O IACOBUS conta co apoio da UE a través da cofinanciación Interreg España – Portugal (POCTEP) 2021-2027.

Desde onte están abertas na Eurorrexión as convocatorias 2023-24 do programa IACOBUS, nas modalidades de Estadías de Investigación e Publicacións Científicas (Papers), destinadas aos cadros de persoal das Universidades, Institutos Politécnicos, Fundacións Biomédicas e Centros Tecnolóxicos de Galicia e do Norte de Portugal.

O IACOBUS é un programa de cooperación científica, cultural e pedagóxica, creado e xestionado dende 2014, pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal.

As candidaturas deberán estar fundamentadas nas prioridades definidas no Plan de Investimentos Conxuntos Galicia - Norte de Portugal (PIC 21-27) e nas áreas estratéxicas establecidas pola Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza Galicia - Norte de Portugal (RIS3-T).

Os resultados demostran que o IACOBUS é un importante piar estratéxico en materia de desenvolvemento científico e en Galicia e o Norte de Portugal, xa que inclúe proxectos de investigación de tódalas áreas de coñecemento.

O IACOBUS Estadías de Investigación promove e financia estadías transfronteirizas para desenvolver proxectos de investigación nunha das entidades participantes no programa, que son 39 (7 Universidades; 4 Institutos Politécnicos, 22 Centros Tecnolóxicos e 6 Fundacións/Institutos de Investigación de Saúde). Poden presentar candidaturas ao programa docentes (PDI); investigadores pre e posdoutorais; e persoal de administración e servizos (PAS) das institucións de ensino superior. No caso dos Centros Tecnolóxicos poden participar xestores de innovación, con polo menos 5 anos de experiencia nesas tarefas, e técnicos de I+D con menos de 5 anos de experiencia.

O IACOBUS - Publicacións Científicas (Papers) promove axudas económicas á publicación de artigos científicos e de investigación nalgunha das revistas indexadas no Journal Citation Report (JCR) ou no SCOPUS. Trátanse dos dous indicadores de calidade máis coñecidos e empregados polos organismos de avaliación da actividade investigadora a escala internacional. Estes artigos teñen que estar desenvolvidos conxuntamente, por polo menos un autor dunha institución de Ensino Superior (Universidades ou Institutos Politécnico) da Galiza e outro do Norte de Portugal, dos que forman parte do programa.

O Programa IACOBUS conta co apoio da Unión Europea coa cofinanciación de INTERREG VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, a través do proxecto 0030_RED_IACOBUS_1_E.

Ten como retos promover a cooperación transfronteiriza na investigación, innovación e transferencia de coñecementos entre as institucións participantes da Eurorrexión. Alén de impulsar unha rede de coñecemento e innovación, para facer mais eficiente a súa labor e aumentar o seu impacto a nivel internacional.

O período de candidaturas está aberto ata o 15 de decembro de 2023. Tódolos documentos das novas convocatorias están dispoñibles na web do programa. As candidaturas son presentadas directamente na mesma plataforma (iacobus.gnpaect.eu).

Para máis información contactar coa AECT da Eurorrexión GNP a través dos e-mails: gnpaect@gnpaect.eu  e  iacobus@gnpaect.eu

GALERÍA DE IMÁGENES