O XIII Plenario da Comunidade de Traballo Galicia -Norte de Portugal reuniuse o día 15 de outubro, na Terminal de Cruceiros de Leixões, en Matosinhos.
GNP-AECT
| 16/10/2024
No encontro, o presidente da CCDR-NORTE, António Cunha, transmitiu o testemuño da presidencia da Eurorrexión ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.
Entre as cuestións destacadas no evento estivo o tema da adopción do Estatuto do Traballador Transfronteirizo por Portugal e España, unha prioridade xa reivindicada pola Eurorrexión perante os dous Gobernos trala crise provocada pola COVID-19. Foi presentada unha nova contribución da Eurorrexión relativa aos ámbitos e requisitos do Estatuto, preparada por un grupo de traballo conxunto constituído por entidades das administracións de ambas rexións, sindicatos e representantes empresariais.
Alén disto, António Cunha e Alfonso Rueda reiteraron a prioridade do cumprimento do calendario de execución da liña ferroviaria de alta velocidade entre as cidades de Oporto e de Vigo.
Entre as varias intervencións, o Plenario contou coas presentacións do informe de xestión da presidencia cesante, por parte de Nuno Almeida, director da AECT da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, e das perspectivas futuras da nova presidencia, por parte de Jesús Gamallo, director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia.
O Plenario contou con dúas mesas redondas. A primeira, dedicada ás Reivindicacións da Eurorrexión para o Cumio Luso-Español, contou coa participación de Juan Manuel Vieites, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Luís Ceia, vicepresidente da Asociación Empresarial de Portugal, César Campos, presidente da Confederación Sindical Interrexional, e Teresa Ventín, coordinadora do EURES Transfronteirizo. A moderación foi de Diego Calvo, conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deporte da Xunta de Galicia.
A segunda, centrada no tema do Reforzo da Cooperación de Proximidade, estivo composta por Nuno Vaz, en representación da Eurocidade Chaves-Verín, Rui Teixeira, en representación da AECT Río Miño, Ana Paula Xavier, en representación da Eurocidade Tui–Valença, e Marta Valcárcel Gómez, en representación da Eurocidade Salvaterra-Monção. A moderación correu a cargo de Jorge Sobrado, vicepresidente da CCDR-NORTE.
GALERÍA DE IMÁGENES