NOTICIAS

Últimas noticias

Programa IACOBUS, aberta a convocatoria 2025-2026 con 210.000 € para impulsar a cooperación científica transfronteiriza na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

GNP-AECT | 24/11/2025

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal (GNP, AECT) lanza a nova convocatoria do Programa IACOBUS 2025-2026, con prazo de presentación de candidaturas ata o día 23 de decembro de 2025, para as tres modalidades do programa: Estancias de Investigación; Publicacións Científicas (Papers); e Patentes, destinadas aos profesionais das 39 entidades participantes, que inclúen universidades, institutos politécnicos, centros tecnolóxicos e institucións de investigación en saúde da eurorrexión.

Desde a súa creación o IACOBUS consolidouse como unha das iniciativas máis innovadoras para fomentar a cooperación científica e tecnolóxica na eurorrexión. Creado e xestionado pola GNP, AECT coa colaboración da Fundación CEER, da Xunta de Galicia e da CCDR NORTE, o programa enmárcase nas prioridades do Plan de Investimentos Conxuntos 2021–2027 e da Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza (RIS3-T). Conta co co-financiamento da Unión Europea a través do INTERREG VI-A España–Portugal (POCTEP).

Modalidades do programa

IACOBUS Estancias de Investigación: promove estancias de investigación transfronteirizas para desenvolver proxectos de investigación en todos os ámbitos do coñecemento. Estas estadías fomentan colaboracións duradeiras entre institucións participantes. Contribúen igualmente para o desenvolvemento de publicacións conxuntas,  candidaturas a proxectos europeos, novas liñas de investigación en colaboración, ben como iniciativas e eventos transfronteirizos, reforzando a consolidación unha comunidade científica e tecnolóxica referente en Galicia, Portugal e Europa.

IACOBUS Publicacións Científicas (Papers): incentiva a produción conxunta de artigos científicos publicados en revistas indexadas no Journal Citation Report (JCR), contribuíndo para fortalecer a visibilidade e o prestixio da investigación transfronteiriza.

IACOBUS Patentes: fomenta a valorización económica da I+D+i mediante a protección da propiedade industrial e da transferencia tecnolóxica ao mercado, reforzando o papel da investigación na innovación e no desenvolvemento económico.

Convocatoria aberta

O Programa IACOBUS conta cun orzamento total de 210.000 € e un prazo de candidatura ata 23 decembro de 2025. Todos os documentos e instrucións de participación están dispoñíbeis en iacobus.gnpaect.eu. Para máis información, os interesados poden contactar coa AECT da Eurorrexión GNP en gnpaect@gnpaect.eu ou iacobus@gnpaect.eu .

IACOBUS continúa a consolidarse como un programa de cooperación e investigación transfronteiriza, que impulsa as alianzas institucionais e fortalece o ecosistema científico da eurorrexión, promovendo a transferencia de coñecemento que conecta Galicia e o Norte de Portugal coa comunidade científica europea e internacional.

GALERÍA DE IMÁGENES