Crear sen fronteiras, compartir procesos e conectar co territorio: as Residencias Artísticas Nortear 2026 abren unha nova convocatoria para artistas da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal
GNP-AECT
| 27/01/2026
A Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal, AECT abre a convocatoria das Residencias Artísticas Nortear 2026, unha iniciativa que impulsa a creación audiovisual contemporánea e fomenta o diálogo artístico no territorio transfronteirizo. As persoas interesadas poderán presentar as súas candidaturas ata o 17 de abril de 2026.
As residencias terán lugar do 11 ao 15 de maio de 2026 en Tomiño e reunirán dez artistas de Galicia e da rexión Norte de Portugal. Durante unha semana, os participantes traballarán no desenvolvemento dos seus proxectos nun contexto de convivencia creativa, intercambio de coñecementos e colaboración sen fronteiras.
A convocatoria está dirixida a persoas con plena capacidade xurídica, naturais ou residentes en Galicia ou no Norte de Portugal. Cada proxecto seleccionado contará con 850 euros, destinados a cubrir gastos de desprazamento, aloxamento e manutención.
Ademais de apoiar a creación audiovisual emerxente, as Residencias Nortear buscan reafirmar a arte como ferramenta de cohesión social e revitalización comunitaria. Por este motivo, os proxectos deberán manter unha ligazón directa co territorio eurorrexional, poñendo en valor as súas dimensións culturais, históricas e humanas.
Ao longo da residencia, os artistas recibirán acompañamento artístico especializado, participarán en encontros con creadores e profesionais do sector cultural e tomarán parte en espazos de reflexión sobre os retos e oportunidades da creación audiovisual na Eurorrexión, con especial atención ao uso das novas tecnoloxías.
O regulamento completo e a información detallada sobre o proceso de candidatura poden consultarse nos canais oficiais da Eurorrexión Galicia–Norte de Portuga, AECT.
As Residencias Artísticas Nortear están promovidas pola Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal, AECT, a CCDR NORTE e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, no marco do proxecto Nortear, unha iniciativa de intercambio cultural cofinanciada pola Unión Europea a través do programa INTERREG España–Portugal.
Regulamento
GALERÍA DE IMÁGENES