NOTICIAS

Últimas noticias

A Comisión Europea apoia a creación dun Punto de Coordinación Transfronteirizo na Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal

GNP-AECT | 19/02/2026

O proxecto da AECT Galicia–Norte de Portugal foi aprobado para a fronteira hispano-lusa no marco do Programa BRIDGEforEU. A Comisión Europea aprobou o proxecto PONTE_PARA_NOS – Bridge for Cooperation: Cross-Border Coordination Point for the Galicia–North Portugal Euroregion, presentado pola AECT da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal no marco da convocatoria PPPA-2025-BRIDGEFOREU.

O proxecto, cunha duración de 18 meses, permitirá a creación dun Punto de Coordinación Transfronteirizo (CBCP) permanente para a Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal, un dos espazos fronteirizos máis dinámicos da Península Ibérica.

A Eurorrexión caracterízase por intensos fluxos comerciais, elevada mobilidade laboral, cooperación científica consolidada e un profundo intercambio cultural entre ambas marxes da fronteira. Malia este elevado grao de integración alcanzado, persisten barreiras legais e administrativas derivadas do denominado “efecto fronteira” hispano-portugués, que continúan afectando de maneira directa á cidadanía, ás empresas e ás institucións públicas. Este novo Punto de Coordinación terá especial relevancia como “xanela única” para a recepción e xestión de queixas e incidencias cidadás, permitindo sistematizar problemáticas recorrentes e promover solucións coordinadas a nivel bilateral e europeo.

Galicia-Norte de Portugal, con 6,2 millóns de habitantes e unha extensión de 51.000 km², ten adquirido unha singular relevancia  no contexto da cooperación europea. Con todo, determinadas diferencias normativas, de procedementos e competencias seguen a xerar dificultades prácticas na vida cotiá da poboación que desenvolve a súa actividade na Eurorrexión. No marco da actividade da AECT téñense identificado numerosos ámbitos nos que xorden ditas dificultades:

  • A mobilidade laboral e profesional.
  • O acceso transfronteirizo a servizos públicos.
  • O recoñecemento de cualificacións e títulos.
  • A mobilidade de menores entre España e Portugal, ámbito no que as diferenzas normativas poden xerar dificultades administrativas relacionadas coa custodia, a escolarización, as autorizacións de desprazamento ou o exercicio de dereitos parentais en contextos transfronteirizos.

O novo Punto de coordiación permitirá ofrecer respostas prácticas e estruturadas a situacións reais que afectan ás familias e ás persoas que desenvolven a súa vida persoal, educativa ou profesional a ambos lados da fronteira. Así, configurarase como un mecanismo permanente de cooperación institucional e administrativa, destinado a:

  • Identificar e analizar obstáculos legais e administrativos existentes.
  • Canalizar, rexistrar e atender as queixas da cidadanía derivadas do efecto fronteira.
  • Coordinar respostas e solucións entre administracións públicas, empresas e axentes sociais.
  • Propor fórmulas replicables que contribúan ao reforzo da cohesión territorial europea.

Avaliación e impacto europeo

O proxecto foi seleccionado como un dos 15 aprobados a nivel europeo, sendo o único elixido ao longo da fronteira entre España e Portugal nesta convocatoria.

O informe de avaliación da Comisión Europea destacou:

  • A claridade e pertinencia dos obxectivos.
  • A coherencia e solidez metodolóxica.
  • A calidade do consorcio e da estrutura de gobernanza.
  • A definición precisa dos grupos destinatarios e da estratexia de comunicación.
  • O elevado potencial de impacto sostible na rexión.

Valor engadido europeo

PONTE_PARA_NOS baséase na experiencia acumulada pola AECT no marco da iniciativa B-Solutions, reforzando o posicionamento da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal como un laboratorio europeo de solucións prácticas para a superación de barreiras administrativas entre Estados membros da Unión Europea. A creación deste Punto de Coordinación supón un avance significativo cara a unha integración transfronteiriza máis efectiva, operativa e orientada a resultados, situando a cidadanía no centro das políticas de cooperación.

Unha estrutura con máis dunha década de experiencia

Creada en 2008 pola Xunta de Galicia e a CCDR NORTE, a AECT foi a primeira constituída na Península Ibérica e actúa como organismo executivo da Comunidade de Traballo Galicia–Norte de Portugal, fundada en 1991.

Con máis de 15 anos de experiencia en gobernanza transfronteiriza, a AECT consolidou un ecosistema estruturado de cooperación, integrando programas estratéxicos como o EURES Transfronteirizo (emprego e mobilidade laboral), o IACOBUS (investigación e ensino superior) e o NORTEAR (cooperación cultural).

O novo Punto de Coordinación permitirá articular estas iniciativas nun marco integrado de resposta ás barreiras transfronteirizas, reforzando a conexión entre políticas públicas e necesidades reais do tecido económico e social.

Recoñecemento europeo e impacto duradeiro

Con esta aprobación, a AECT da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal consolida o seu papel como espazo piloto na construción de solucións innovadoras para a integración territorial europea, contribuíndo activamente á consolidación dunha Europa máis cohesionada, funcional e próxima á cidadanía.

 

GALERÍA DE IMÁGENES